martes, 5 de febrero de 2013

"Os Mortos De Fame"

Dende pequeno recordo ao meu pai falando de xente que era unha "morta de fame". O concepto de morto de fame que empregamos na miña casa pode levar a equívoco xa que pertencer a esta caste de xente non significaba en absoluto non ter de comer. En realidade a meirande parte dos mortos de fame dos que falabamos tiñan cartos de sobra para mercar canto quixesen, coches caros, roupa de marca e vacacións en praias tropicáis...

Hoxe en día hai máis mortos de fame polo estado adiante ca nunca antes que eu lembre. Son esas persoas que venden a súa dignidade e amoldan os seus principios a calquera situación que lles aporte un beneficio. Son os que se xustifican coa teima de que "Dalgo hai que vivir" cando para vivir teñen de sobra e o que están a facer é arrastrarse coma lesmas por catro cadelas de máis para poder gardalas nun caixón.
Son os familiares ou coñecidos, e mesmo amigos que xustifican calquera cousa coa frivolidade do que decidiu fai tempo que o Don Celidonio de "O porco de pé" é o modelo a seguir. 
Morto de fame é aquel que che oferta unhas marabillosas prácticas na súa empresa nas que traballarás gratis co fin de obter esa experiencia que che fai falla. Morto de fame é quen fuxe cando che debe 100 euros e persíguete se lle debes 20 céntimos. Morta de fame é unha ministra que ten dous coches de 100.000 euros no garaxe e di que non sabía nada do asunto. Morto de fame é quen mete a fillos, curmáns, amigos e achegados nunha deputación a condición de que lle voten, e mortos de fame son tamén os que se deixan enchufar pasando por diante da xente válida para logo sorprenderse de que o país vaia mal e indignarse coa corrupción política porque unha cousa é "Que che boten unha man para entrar nun posto público" e outra moi distinta (por efecto dunha abraiante miopía autoexculpatoria) roubar.

Son consciente de que se esta entrada chega a ser lida por un deses xuizosos mortos de fame, probablemente se debuxe un sorriso nas súas faces e proclamen con ese ollar de vaca dos que teñen as cabezas baleiras "Iste ainda non lle viu o cu á carriza, veremos cando teña necesidade se non achanta coma todos". Pois ben, se algún día estou a morrer de fame, ou paso unha grande necesidade, ou teño persoas ao meu cargo e preciso os cartos non serei eu quen negue a posibilidade de que me vexa obrigado a baixar a cabeza e me vender, cargando coa vergoña de ser outro parasito máis desta sociedade; agora ben, o alarmante é que a día de hoxe moita xente da miña xeración sen outra cousa coa que cargar que o seu propio desleixamento teña xa a conciencia de saldo: dignidade - 1 Ipod, sentido da xustiza - 2 bolsos de Bimba & Lola, valores moráis - 1 viaxe a Londres.

Se de verdade queremos chegar a converter este estado nun lugar no que non dé noxo vivir coido que deberiamos comezar por facer análise dos nosos actos e actuar en consecuencia.
O outro día vendo "Salvados" un español emigrado a Finlandia dicía "En España o que ocorre é que mentres nos vaia ben non somos críticos con como se están a facer as cousas". Agora vainos mal e non podo deixar de pensar que grande parte do que ocorre é, canto menos, xustiza poética para os mortos de fame.