A miña familia paterna é unha desas familias tradicionáis de reis magos e bendicións de mesa, de misa os domingos e festas de gardar, de cabos de ano, de "se Deus quere" e de catecismo, de colexio de monxas e de voto azul.
Somos unha desas familias enormes, de once tíos e trinta primos, de avóa cociñeira, de sobremesas con panxoliñas e alboroto perpetuo.
Polo nadal nos reunimos para comer. Ben apretados en varias mesas cuxa enormidade xulgamos insuficiente pómonos ó día sobre as nosas vidas, rimos, discutimos a gritos ou simplemente engulimos como unha plaga os numerosos platos que as miñas tías e tíos preparan.
En ocasións, entre o rebumbio e o colorido sangrante das luces de cores, un chega a esquecer a razón que fai que tantos homes e mulleres de diferente opinión e condición se reúnan cada ano o 25 de decembro.
Algúns opinarán que realmente o fan como celebración dunha festividade relixiosa, outros dirán que é tradición, pero eu teño a teoría de que esta familia se quere.
É ese sentimiento de amor o que fai que o meu pai e os seus irmáns funcionen como unha rede de apoio para axudarse con calquera problema, o que nos fai exclamar orgullosos "Sae á raza dos Garrido", o que nos leva a organizar unha cea de primos para andar de troula toda a noite e o día seguinte comentar a xogada polo facebook.
O meu pai é un dos máis fieles defensores destas festas . Por eso, despois de todos os problemas que tivo para aceptar que ten un fillo gay, cando vindo cara Ourense me dixo que un día destes quería coñecer ó meu mozo e invitalo a comer connosco, cando me explicou que estaba orgulloso de mín e que me ía apoiar en todo o que fixese, cando me pediu perdón se me tiña feito pasar un mal trago e só me botou en cara non ter confiado antes nel recordei a norma de ouro dos Garrido.
A familia é o primeiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario