domingo, 8 de enero de 2012

Mesetas e fados

Unha mesta brétema cobre hoxe Valladolid. Todo está quedo e deserto, inmóbil, infiltrado de tristura por esta atmósfera de auga que afasta a terra do sol e do ar.

Entro na casa e o seu bafo de calor e illamento golpea no meu nariz como se dun saúdo se tratase.
Na miña habitación as cousas seguen no cordial desorde no que as abandoei, contento demais como para prestarlles atención cando tocaba voltar ó fogar.

Combato o silencio impropio desta urbe vermella a base de fados e lecturas, neste novo afán de aprender máis sobre a cultura na que nacín e sobre a súa irmá alén do Miño. Como di Nito, ninguén que me tivese coñecido fai cinco anos me recoñecería. Por algunha razón esta frase paréceme algo do que me sentir orgulloso.

Acendo o ordenador, poño música e túmbome sobre o leito.
O son e as verbas de Deolina aloumiñan os meus ouvidos mentres vou ficando relaxado, lonxe da realidade, na miña illa particular.

Por uns intres síntome transportado a Liboa e recordo a súa luz, o balbordo acendido das súas rúas, o seu discorrer manseniño e xovial... E non podo evitar amala proxectándoa no meu maxín, envolta toda ela nunha miscelánea mística de imaxes propias e palabras de Pessoa.

Tras esta catarse e xa dabondo tranquilo baixei de novo á realidade e, ledo da ledicia dos comezos, púxenme a ordenar o meu armario con roupa planchada e apuntamentos dun volumen tan excesivo como intimidante.

Pode que non me guste esta cidade, e dende logo penso fuxir da súa órbita en canto me sexan propicias as circunstancias mais, mentres non teña outra opción que quedar, ninguén me pode impedir escoitar fados no corazón, recitar a Pessoa coa mente e levar un sorriso nos beizos.

Unha aperta ós que me ledes, e grazas por facelo!


P.D: Perdoádeme as faltas ortográficas que vexades, irei mellorando (iso agardo)

1 comentario:

  1. Gustoume moito esta entrada. Non importa onde esteamos, se non o que levamos no corazón :)

    ResponderEliminar