Mostrando entradas con la etiqueta morriña. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta morriña. Mostrar todas las entradas

martes, 31 de enero de 2012

Práctica de poesía 1

Que é a escuridade
senon a falta de vida
que unha noite estrelecida
pode tornar ficción?

Que é o vento que zoa
senon un titán morto, ferido
que ouvea embravecido
o seu suspiro final?

Ollo cara o ar
que olla calado
cara as tebras do pasado
e as tebras que virán

E neste ollar e ser ollado
temeroso das miradas
a face cuberta de bágoas
canto o cantar dos vencidos

Cantar de brétemas e abrentes
cantar dos penedos e os castros
cantar da terra, dos soutos e canastros
que sembran a as leiras e o mar

E conmovido deste espíritu vital
esmorecido nesta neboa temperada
durmimos e soñamos coa victoria
coa loita o amor e o verán.

domingo, 8 de enero de 2012

Mesetas e fados

Unha mesta brétema cobre hoxe Valladolid. Todo está quedo e deserto, inmóbil, infiltrado de tristura por esta atmósfera de auga que afasta a terra do sol e do ar.

Entro na casa e o seu bafo de calor e illamento golpea no meu nariz como se dun saúdo se tratase.
Na miña habitación as cousas seguen no cordial desorde no que as abandoei, contento demais como para prestarlles atención cando tocaba voltar ó fogar.

Combato o silencio impropio desta urbe vermella a base de fados e lecturas, neste novo afán de aprender máis sobre a cultura na que nacín e sobre a súa irmá alén do Miño. Como di Nito, ninguén que me tivese coñecido fai cinco anos me recoñecería. Por algunha razón esta frase paréceme algo do que me sentir orgulloso.

Acendo o ordenador, poño música e túmbome sobre o leito.
O son e as verbas de Deolina aloumiñan os meus ouvidos mentres vou ficando relaxado, lonxe da realidade, na miña illa particular.

Por uns intres síntome transportado a Liboa e recordo a súa luz, o balbordo acendido das súas rúas, o seu discorrer manseniño e xovial... E non podo evitar amala proxectándoa no meu maxín, envolta toda ela nunha miscelánea mística de imaxes propias e palabras de Pessoa.

Tras esta catarse e xa dabondo tranquilo baixei de novo á realidade e, ledo da ledicia dos comezos, púxenme a ordenar o meu armario con roupa planchada e apuntamentos dun volumen tan excesivo como intimidante.

Pode que non me guste esta cidade, e dende logo penso fuxir da súa órbita en canto me sexan propicias as circunstancias mais, mentres non teña outra opción que quedar, ninguén me pode impedir escoitar fados no corazón, recitar a Pessoa coa mente e levar un sorriso nos beizos.

Unha aperta ós que me ledes, e grazas por facelo!


P.D: Perdoádeme as faltas ortográficas que vexades, irei mellorando (iso agardo)

martes, 3 de enero de 2012

Fóra

Esperto pola mañá cedo coa choiva a bater na fiestra. Levanto un pouco a persiana e guicho pola fenda de luz que entra no meu cuarto.
Fóra o vento zoa manseniño,coma se tivese medo de molestar á cidade que todavía non se ergueu, mentres ó lonxe os piñeiros e eucaliptos abanean na aba do Montealegre.
Baixo a miña ventá un chopo ofrece as súas gallas a pegas e carrizas que có seu rechouchío saúdan ó amencer.

Síntome ben en Ourense. Gústame a súa tranquilidade, o aire que cheira a terra húmida e a orballo, a cor verde que invade ata o último recuncho das fendas da estrada e da beirarúa.
Alédame saber cando me deito que á mañá seguinte me agarda un día de biblioteca con Jose e que, ó saír, Nuria e máis eu quedaremos para tomarmos algo nalgunha terraciña onde ela lle poida dar ó vicio do tabaco mentres latricamos de calquera tema sen importancia.

Lonxe de aquí non existen as camiñatas infinitas con Héctor pola beira do Miño, non hai tardes no Miudiño e non brindo con ledicia mentres baleiro coa miña sede botellas de licor café. Lonxe desta terra non berro a pleno pulmón cancións de Lamatumbá, non discuto có meu pai sobre parvadas, non teño á miña avóa fitando cara mín preocupada polo meu ton de pel e esixindo constantemente que me faga probas por se teño anemia.
Lonxe de Ourense non podo darlle unha aperta á miña nai tódalas mañás, non me vacilan as miñas irmás e ninguén me chama Bertis como fai Débora.

Pode non semellar importante, pero o é tanto como o pode ser a miña dita.

Un non pode escapar ó que é, e como bo galego, saín morriñento.