martes, 5 de febrero de 2013

"Os Mortos De Fame"

Dende pequeno recordo ao meu pai falando de xente que era unha "morta de fame". O concepto de morto de fame que empregamos na miña casa pode levar a equívoco xa que pertencer a esta caste de xente non significaba en absoluto non ter de comer. En realidade a meirande parte dos mortos de fame dos que falabamos tiñan cartos de sobra para mercar canto quixesen, coches caros, roupa de marca e vacacións en praias tropicáis...

Hoxe en día hai máis mortos de fame polo estado adiante ca nunca antes que eu lembre. Son esas persoas que venden a súa dignidade e amoldan os seus principios a calquera situación que lles aporte un beneficio. Son os que se xustifican coa teima de que "Dalgo hai que vivir" cando para vivir teñen de sobra e o que están a facer é arrastrarse coma lesmas por catro cadelas de máis para poder gardalas nun caixón.
Son os familiares ou coñecidos, e mesmo amigos que xustifican calquera cousa coa frivolidade do que decidiu fai tempo que o Don Celidonio de "O porco de pé" é o modelo a seguir. 
Morto de fame é aquel que che oferta unhas marabillosas prácticas na súa empresa nas que traballarás gratis co fin de obter esa experiencia que che fai falla. Morto de fame é quen fuxe cando che debe 100 euros e persíguete se lle debes 20 céntimos. Morta de fame é unha ministra que ten dous coches de 100.000 euros no garaxe e di que non sabía nada do asunto. Morto de fame é quen mete a fillos, curmáns, amigos e achegados nunha deputación a condición de que lle voten, e mortos de fame son tamén os que se deixan enchufar pasando por diante da xente válida para logo sorprenderse de que o país vaia mal e indignarse coa corrupción política porque unha cousa é "Que che boten unha man para entrar nun posto público" e outra moi distinta (por efecto dunha abraiante miopía autoexculpatoria) roubar.

Son consciente de que se esta entrada chega a ser lida por un deses xuizosos mortos de fame, probablemente se debuxe un sorriso nas súas faces e proclamen con ese ollar de vaca dos que teñen as cabezas baleiras "Iste ainda non lle viu o cu á carriza, veremos cando teña necesidade se non achanta coma todos". Pois ben, se algún día estou a morrer de fame, ou paso unha grande necesidade, ou teño persoas ao meu cargo e preciso os cartos non serei eu quen negue a posibilidade de que me vexa obrigado a baixar a cabeza e me vender, cargando coa vergoña de ser outro parasito máis desta sociedade; agora ben, o alarmante é que a día de hoxe moita xente da miña xeración sen outra cousa coa que cargar que o seu propio desleixamento teña xa a conciencia de saldo: dignidade - 1 Ipod, sentido da xustiza - 2 bolsos de Bimba & Lola, valores moráis - 1 viaxe a Londres.

Se de verdade queremos chegar a converter este estado nun lugar no que non dé noxo vivir coido que deberiamos comezar por facer análise dos nosos actos e actuar en consecuencia.
O outro día vendo "Salvados" un español emigrado a Finlandia dicía "En España o que ocorre é que mentres nos vaia ben non somos críticos con como se están a facer as cousas". Agora vainos mal e non podo deixar de pensar que grande parte do que ocorre é, canto menos, xustiza poética para os mortos de fame.

martes, 22 de mayo de 2012

Copa Del Rey

Nunca entenderei de fútbol. Como bo arquetipo que son sempre me aburriron os deportes, e xa non digamos ese, cunha morea de xente a meter barullo porque unha pelota entre entre tres paus ou choque contra un deles.
Sen embargo, gústeme ou non, o fútbol move e motiva á poboación, faina sufrir, chorar ou rir cós éxitos e fracasos dos xogadores do seu equipo. É dicir, gústeme ou non, o deporte é quen de darlle saída a unha chea de sentimentos.

Dentro duns días vaise celebrar a chamada "Copa del Rey" e os equipos que se van enfrontar na final son o Barça e o Atlético de Bilbao.
Todos sabemos que Catalunya e Euskadi son as dúas nacións deste país nas que é maior o impulso independentista, e semella lóxico crer que polo tanto ese sentimento estará presente nos seus afeccionados, que ven a final como un escenario perfecto para deixar claro que a parte de gustarlles o fútbol gustaríalles ser independentes e non ter que formar parte de España.

Algúns opinarán, como xa teño ouvido pola rúa, que; se non queren ser españois, xogar a copa do rei é unha parvada, e que mellor farían quedándose na casa vendo pasar a vida ou expresando os seus anceios de independenza doutro xeito.
Eu pola miña banda non o teño tan claro. Explícome.


1) Fútbol é fútbol

"Si no les gusta ser españoles que no jueguen la copa del rey"
Sexamos realistas, unha competición de fútbol é iso, unha competición de fútbol.
Por esa regra poderiamos dicir que non xoguen a liga tampouco (porque é española), pero as competicións serven para deixar claro o bos ou malos que son xogando ó fútbol, e o nome que teña o título en particular creo que ven dando o mesmo, porque que eu saiba esta competición existiu na república e en época de Franco.
Ademais, canta xente neste país está disposta a deixar que teñan as súas propias seleccións para competir a nivel internacional sen se servir da marca España? Pois iso...

2) A visión de España.

 Pode que os vascos e os cataláns non queran ser parte de España pero, é que acaso esta España que temos unifica os anceios dos pobos que habitan nela?
Existen dous bloques, os periféricos e os centralistas que se enfrontan entre sí continuamente.
Só fai falla ler os hashtags de twitter para enterarnos das opinións de moitos "españoles de bien" que opinan cousas tan pouco tópicas e tan incluíntes nun proxecto común como que o galego é para falar coas vacas, os vascos son todos terroristas ou proetarras e os cataláns son uns ladróns que lle roubaron os cartos á marabillosa España (da cal forman e non forman parte nunha antítese perfecta)
A reacción? Pois moitos vascos, cataláns e galegos falando da "Puta España" e do "Rei borracho e putero" Acción e reacción, nada novo baixo o sol.

Queremos un país no que non se profiran insultos e descalificacións cando soe o himno? Pois creemos un país no que se ensine a pór en valor a riqueza cultural e a variedade, no que non teñamos de xefe de estado a un señor cuxa familia foi a maior plaga unificadora e centralizadora que sufriu a península e que reina pola gracia de deus e dun dictador que oprimiu tódalas culturas de España agás unha. Ó mellor entón teríamos unha competición sana na que as diferencias se celebrarían e quedarían nun pique deportivo que se difuminaría ó día seguinte.

3) Os símbolos

Estamos no mesmo de antes, a bandeira e o himno non son unha construcción de todos, son a adopción dos símbolos da dictadura cun lavado nesa "transición modélica" na que todos esqueceron todo sen esquecer nada ningún.
Cada vez que vexo unha bandeira de España ou escoito o himno non podo deixar de pensar na ideoloxía que subxace a eles, nese afán absurdo de identidade absoluta, de centralismo cheo de po e de carteis de "Sea usted patriota, hable castellano"

Cando asumamos que neste país existen moitas linguas, moitas culturas, moitas formas de pensar e aprendamos a convivir e a non insultarnos polas nosas diferenzas; tal vez entón consigamos un himno e unha bandeira da que nos sentir orgullosos superando este patriotismo de confrontación que fai que mentres uns cuspan na bandeira do estado outros o fagan na ikurriña.

miércoles, 4 de abril de 2012

A xeración avellentada

(Texto escrito dende a carraxe, a subxectividade e a opinión propia constrastada tan só coas charlas cós amigos. Como todo nesta vida ler o texto é opcional e se cres que a túa sensibilidade pode quedar ferida por facelo aconsello que peches a páxina)

Cousas tópicas que teño escoitado estes días ditas por xente de menos de 25 anos:

1) O axuste era necesario, Rajoy atopouse cunha moi mala herdanza do PSOE e agora ten que facer que o país vire de dirección.

2) É que os de Barcelona perden a razón queimando papeleiras e montando todo ese espectáculo, non se dan conta de que a violencia non leva a nada? Estalles ben que endurezan as leis para que deixen de facer iso.

3) De que serve ir á folga? Menos queixarse e máis traballar.

4) Teñen razón ó dicir que ata o de agora estabamos a vivir demasiado ben e que evidentemente aquelo tiña que rematar.

5) A ver, xa sabiamos todos que ían recortar en sanidade, é que o nivel de gasto que temos é excesivo, eu non vexo mal pagarmos algo polas receitas porque hai xente que vai ó ambulatorio por pasar a mañá e se lles cobras algo xa verás como deixa de facelo!

6) Mira os cataláns, recortan de todo menos da política lingüística, agora a xente poderá laiarse cando lle morra alguén da familia en perfecto catalán.

7) Valencia terá moita débeda, pero polo menos teñen cousas construídas, algo que non poden dicir en Andalucía.

8) Con esto da crise o AVE non da chegado a Galicia, e boa falla nos facía.

9) Votes a quen votes van facer todos máis ou menos o mesmo

10) Neste país o que hai e moito vago que quere chupar do bote sen facer nada.

_ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _

1) O axuste foi necesario porque neste país o PP e o PSOE decidiron facer o sinxelo e basear a bonanza económica na constucción, cousa que sabían que máis tarde ou máis cedo se ía pagar ben caro. Pero dá igual porque neste país no que endexamais se invertirá un can en educación ou investigación toda a xente ignorante (e ben orgullosa de selo) que vive nel os castiga votándoos con maiorías absolutas por rigorosas quendas de oito anos con dereito a repetir se todavía non nos conseguiron meter o medo no corpo os do partido contrario.
Nin o PP nos sacará de ningures nin a herdanza é cousa do PSOE, son os dous igual de penosos en canto o de escoller un modelo económico con futuro. Cando os dous partidos facían mal as cousas e ninguén se queixaba porque sobraban cartos para iPhones e pensar facía que saisen engurras na cara eles conseguiron crear este sistema do que desfrutamos as consecuencias.A culpa non será deles senon nosa por delegar non soamente o poder senon tamén a potestade de sermos críticos coa xestión que del se fai.
(Todo esto respecto a economía, en canto a outras políticas [sociais, ambientais...] prefiro mil veces ó peor PSOE que á ranciedade decimonónica do PP)


2) Que queimar papeleiras e romper escaparates está mal sabémolo todos e que hai outras formas de expresar desgusto tamén. O que non sei é por que á xente lle parece normal equiparar o vandalismo có terrorismo. É que acaso agora prenderlle lume a un contendor do lixo é un acto de terrorismo en sí mesmo? Sentíndoo moito, e dende a total repudia a calquera acto de violencia, non son capaz de entender que se condeé máis ou menos un acto en función da ideoloxía subxacente, ou para explicarme mellor, non vexo por que unha papeleira queimada en Barcelona nunha folga xeral merece un castigo maior que unha papeleira queimada en Valencia nas Fallas.


3) A folga serve para que se saiba que estás en contra das condicións de traballo que o estado pretende instaurar para rexir o marco laboral de todos os traballadores. Quenes máis traballaban eran os escravos que o facían por orde do amo cando a este lle petaba, e de seguro tamén por aquel entón había moito espelido que cría que queixarse non serve de nada.
Agora alguén dirá que a comparación e esaxerada, pero cando eu leo que te poden botar do traballo a
pesares de ter unha baixa médica xustificada a mín polo menos quítanseme as ganas de rir.


4) A razón de que non poidamos vivir ben non é outra que a seguinte: darlle os votos a alguén porque dí que vai facer unha obra pública totalmente innecesaria, fóra de lugar, cara e rechamante non che fai máis listo senon moito máis parvo. Nin Galicia precisa tres aeroportos, nin dous portos exteriores, nin chegar a Madrid en 3h debería ser unha prioridade na que se gasten os poucos recursos que quedan. Non somos máis galegos por termos unha Cidade da cultura ruinosa en Santiago, non somos máis Ourensáns por termos un Auditorio de Ourense desproporcionado, nin máis Coruñeses por destruirmos un castro para ampliar o porto exterior da Coruña. O único que somos e máis pailarocos e novos ricos, e agora tócanos rillar có que votamos, pero non nas últimas xerais, senon nas municipais dende fai trinta anos.


5) Cando un paga algo que xa pagou non está "pagando" senon que está sendo estafado. Cando os administradores din que có que se paga non se pode manter o que se ten, mentres reducen orzamentos eu só vexo dúas alternativas: 1) Achantar có que nos din porque como dixen antes pensar causa enrugar ou ben, 2) Cambiar de administradores porque dicir que un servizo básico é insostible mentres se lle recorta o presuposto estipulado os convirte en pésimos profesionais e nuns ineptos para o cargo.
E por certo, a meirande parte das persoas non "colapsan" o sistema sanitario en atención primaria porque se aburran, senon porque teñen patoloxías crónicas. Son persoas que non merecen pagar a necedade da sociedade engadindo á súa enfermidade a carga de teren que aboar un euro cada vez que precisen medicación para tratala.
O verdadeiro problema é a falla de hospitais e persoal sanitario, pero como xa saberedes, se incrementala xa era imposible antes, imaxinade cun 20% menos de cartos.

6) Ainda que non o creades existen lugares da nosa xeografía onde a xente está TAN orgullosa da súa cultura que prefire que non sexa o primeiro en ser recortado. E se en lugar de ollar cara a pequena partida que se lle dá á promoción do catalán vos fixasedes nas INMENSAS sumas que se lle outorgan á Casa Real, a Defensa (De que), á Igrexa ou a Presidencia, ó mellor conseguiríades non parecer rematadamente limitados.
En canto o de laiarse en catalán da morte allea... En fin, supoño que non merece nin valoración.

7) Unha vez máis o argumento total que nos levou a esto, o gasto para obter votos ten que ser vistoso. Así conseguimos cousas superchachipirulis como non por nada en I+D, deixar sen orzamentos ó plan nacional contra o sida, eliminar a lei de dependencia, diminuír as partidas para prevención de incendios... Digan vostedes que sí "Si no lo veo, no lo creo". Se onde esté unha ponte que se quite saber a táboa do 2.

8) O AVE señores é unha merda. Digoó así para que quede ben marcado na mente. Chegar a Madrid en 3h non lle vai solucionar a vida a ninguén, non vai dar máis traballo, non vai "Achegar Galicia ó resto de España" non nos vai facer máis españois, nin máis avanzados, nin máis modernos.
É un gasto excesivo, absurdo, caprichoso, futil... Ó fin e o cabo Cataluña, Valencia, Castilla la Mancha e Andalucía si teñen AVE e non parece que lles teña feito moito pola crise. Pero claro, supoño que a xente quere AVE polo mesmo que quere iPhone, por fardar básicamente.

9) Cando a túa interpretación da frase "votes a quen votes" inclúe só a PP e a PSOE estou moi dacordo. Gracias a ese tipo de pensamento agora temos un partido político que pode facer o que lle dá a gana, cando lle dá a gana, sen consultarllo a ninguén, sen que lle treman as mans ó facelo e que pode cuspirlle na cara ós seus votantes mentres esgrime como argumento que a confianza que depositaron nel é xigantesca. Ole por ese voto en masa tan ben pensado.

10) Que o digan os empresarios faime gracia, que o digan os autónomos dame pena, pero que llo teña que escoitar a algúns parados, que xa teñamos chegado a ese nivel de cainismo no que o que ten un traballo de merda se cree con razóns para insultar a quen nin traballo ten paréceme triste e noxento.
A culpa da crise témola todos por permitirmos ós políticos darnos unha educación de merda na que non se nos aprenden formas de pensar criticamente, na que se premia a mansedume e se reprime ó disidente. A ignorancia é a base dos nosos males, e polo que sentín mentres rememoraba os momentos nos que escoitei as frases da lista, vaino continuar a ser.

Un saúdo a todos, e polo que máis queirades, ainda que non atinemos, tentemos pensar por nós mesmos.

martes, 31 de enero de 2012

Práctica de poesía 1

Que é a escuridade
senon a falta de vida
que unha noite estrelecida
pode tornar ficción?

Que é o vento que zoa
senon un titán morto, ferido
que ouvea embravecido
o seu suspiro final?

Ollo cara o ar
que olla calado
cara as tebras do pasado
e as tebras que virán

E neste ollar e ser ollado
temeroso das miradas
a face cuberta de bágoas
canto o cantar dos vencidos

Cantar de brétemas e abrentes
cantar dos penedos e os castros
cantar da terra, dos soutos e canastros
que sembran a as leiras e o mar

E conmovido deste espíritu vital
esmorecido nesta neboa temperada
durmimos e soñamos coa victoria
coa loita o amor e o verán.

domingo, 29 de enero de 2012

O homosentimentalis

(Comezo aclarando que o termo homosentimentalis non é meu, escoiteino fai anos nalgún lugar ou pode ser que o lera pero agora mesmo non recordo a fonte exacta)

Non existe cousa máis sinxela neste mundo que decidir guiar o entendemento polos sentimentos e non ó revés.

Nos nosos medios de comunicación prima o efecto inmediato, ese que permite acaparar audiencias altas, ese que provoca unha reacción emocional rápida, profunda e duradeira. Sangue, bágoas, faces contraídas pola carraxe ou polo medo; é o que vende, o que gusta e o que se estila.

Ó problema capital que lle vexo a este tipo de comunicación ten que ver máis coa retroalimentación que produce na sociedade que con que me pareza soez de base. Explícome.

As bases da humanidade son as que son, e se os nosos sentimentos e emocións subsistiron e teñen tanto impacto sobre as accións a día de hoxe é porque son evolutivas. 
Pero cando me refiro a que son evolutivas, refírome para o individuo. Zoupar cando te zoupan, chorar cando estás triste ou fuxir cando tes medo son bases lóxicas da bioloxía humana que che permiten defenderte, atraer a atención dos semellantes en busca de axuda, ou evitar que te maten (nestes casos que citei)
Agora ben, son evolutivas para a sociedade? A experiencia dinos que non.

Xulgar en base a sentimentos é xulgar coa lei do talión. Ollo por ollo, dente por dente, golpe por golpe.
Un estado avanzado non pode permitir iso porque deste plantexamento da xustiza só pode nacer a anarquía máis absoluta e desoladora.

Os sentimentos como sociedade hai que aprender a controlalos, e os medios de comunicación deberían contribuir a ese control dando unha información veraz, tentando que o público empatice cós dous bandos ou polo menos coñeza a versión das dúas partes. As televisións, xornais e radios deberían preservar a presunción de inocencia dos acusados e non establecer xuizos paralelos ou dar versións parciais do que ocorreu.

A lei do talión é moi vistosa, moi fácil de aplicar, moi emocional e extremadamente ineficaz. Como dixo Gandhi "Ollo por ollo e mundo rematará cego"

Todo esto do homosentimentalis escríboo en base ó da praia de Orzán.

Cometer imprudencias é malo, e que morran tres policías tentando salvar a un inconsciente de se afogar é algo que por absurdo provoca dor e enfado.
Pero se xulgamos con tal severidade a un rapaz que se emborrachou unha noite e se meteu na auga da praia tamén deberiamos facer o mesmo coa persoa que fuma na cama e provoca un incendio no que morre un bombeiro, có que non lle pasa a ITV a tempo ó coche e ten un accidente no que se matan el/ela e os seus fillos... 
Pero non o facemos porque os medios de comunicación non nolo poden vender tan ben, porque non son estranxeiros, porque a causa-efecto non é tan directa, porque non conseguiron fotos dunha festa na que aparecen borrachos para polas no seu xornal...

O outro día anunciáronse en España reformas da xustiza. Sen entrar a xulgar as outras (que tamén teñen o seu) só me gustaría fixar a atención na de "Cadea perpetua revisable para aqueles delitos que causen unha grande alarma social"
Estamos a falar en serio? Cómo medimos a alarma social? Caeranlle a un máis anos por darlle unha lavazada a un presentador da televisión que por matar a un indixente? Como se pode establecer o concepto "alarma social" como base xurídica?


Estas son as consecuencias de manipular os sentimentos.

Deixemos de xogar coa dor das familias e pensemos se queremos ser persoas ou se preferimos ser homosentimentalis. Eu pola miña banda teño clara a escolla.

jueves, 26 de enero de 2012

Espertar

O tempo esgótase nestes días de xaneiro entre papeis e cuncas de café.

Os días son longos e as horas de lecer trócanse nun ben escaso e moi prezado. Por eso tódalas mañás cumpro con dous rituais que me permiten aturar o resto do día sen excesivas tribulacións.

Ritual da ducha:
Ó carón da miña cama sempre deixo preparada nunha cadeira a roupa que me vou por ese día, de xeito tal que, no momento exacto no que sóa o meu móbil, levántome dun chimpo e vou direito cara o baño.
Poucas sensación me producen maior pracer que o son da auga ó caer, a luz tenue, o bafo pousándose sobre o espello... As cousas cóbrense dunha cegueira abrancuxada, coma se unha xeada coidadosa as fose aloumiñando.
Síntome illado, sumerxido nun ventre adormecido, limpo, puro e irreal.
Os músculos espertan dun sono para dárense a outro que non por ser consciente é menos reparador, e os ollos afanse á claridade deixando atrás as néboas dos soños...
Só entón me sinto con forzas para me dirixir a cumprir có segundo ritual...

Ritual da bebida:
Através da parede chégame o ledo balbordo dos nenos do piso do lado que se erguen e saúdan a mañá entre rifas, risas e berros. Ese barullo mestúrase có arrecendo amargo que sobe dende a cafeteira e, ó acubillo dese silencio lostregante que so os sons lonxanos crean, mergullo os meus beizos na insondable escuridade da súa fumeante superficie.
É ese o intre máis relaxante do día que todavía non rompeu. Lonxe do ruido e das obrigas, centrada a miña mente no mundo das sensacións, arrolado pola temperada marcha do café pola miña gorxa... 

Cantas veces non terei ficado abraiado da ledicia que me supoñen estes pequenos actos!

Logo, como é costume, vén o sol e con el o estudo, o cansazo, o traballo e a inquedanza. Mais unha parte de min, a que disfrutou da paz pretérita dos meus santuarios matinais, continúa relaxada, queda e sorrinte, desfrutando do recordo da felicidade ata o día seguinte.

sábado, 21 de enero de 2012

Do pensamento crítico

Ás veces é complicado obter unha imaxe completa do mundo para xulgalo tal e como é.

Cando somos nenos a nosa concepción da realidade é limitada, universalista e maniquea.
Branco ou negro, bo e malo, xusto e inxusto, forte ou débil... Ese mundo, por incompleto, é un lugar feliz, sen complicacións e onde as actuacións pódense rexir por un código inalterable.
Sempre que cumplamos os preceptos sentirémonos ben e, se rematamos por infrinxir unha norma, podemos ollar cara cada un dos puntos da enorme lista que se nos ofrece, reparar naquel que nos saltamos e, reconfortados coa concreción da falta, arranxar a desfeita.

Coñezo xente que dunha forma máis ou menos inconsciente decidiu vivir para sempre nese paraíso infantil, sen se atreveren a replantexarse o porqué de se comportaren como o fan, sen guichar pola raiola de dúbidas que se filtra polas fendas das súas barreiras mentais.

Coma sempre nestes casos a comodidade érguese coma valedora da tradición, e xa que a xente nace cativa e sinxela, moitos coidan que se introduciren nas metafísicas da moral é algo demasiado complexo como para esgotaren neso o seu tempo e as súas enerxías.
Pensan como os seus avós crían que tiñan que pensar, soñan o que se lles permite e, se alguén se atreve a emitir unha opinión discordante do sentir maioritario, ollan para el con estupor e desprezo porque por uns intres os sacou da comodidade do seu sono.

Non sei a vós, pero a mín prodúceme unha gran inquedanza que os xuizos das persoas estén rexidos polos guionistas das series de televisión, polos informativos das empresas dos multimillonarios dos medios e polo poder oficial que, manseniñamente e case sen nos decatar, vainos aparvando e enchendo os nosos  cerebros de complacencia, da ledicia das pericas que seguen ó pastor balando e comendo herba.

Creo que foi Saramago o que dixo que se ben non se pode crer que exista unha conspiración para facernos cada vez máis parvos, o feito é que os actuais medios de comunicación tenden a estupidizarnos. O antigo "panem et circenses" dos romanos é agora un "must" para as nosas sociedades, e ninguén me negará que para non termos "panem" a meirande parte do mundo está bastante tranquila.

Tal vez me esté radicalizando e non sexa máis ca un deses "señoritos" que ven o mundo moi mal e critican un sistema no que están afundidos ata as orellas, pero é que últimamente sinto que nos diriximos a bo paso cara un colapso do pensamento crítico, que a xente xoven non ten ganas de cambiar as cousas, nin sequera inquedanzas, e que ven a situación con pasividade, do mesmo xeito que contemplarían a caída dun asteroide sobre a terra...

Non sei se estou esperto ou se tamén eu perdín fai tempo a capacidade de razoar, pero polo menos vou tentar recuperala con tódalas miñas forzas.

Deixemos de dar balidos e comecemos a ler, a falar, a cuestionar, a soñar, a desexar e a interrogarnos sobre que clase de sociedade somos. Dese xeito tal vez ainda quede algo polo que loitar.